Identifícate aquí ou Rexístrate


Novas

CREA O TEU VÍDEO

Queredes actuar en Banda Curta?

11/03/2009

Utilizade o voso espazo en Nsaio.org para pendurar vídeos cos que achegarlle aos responsábeis do espazo musical da TVG a vosa vontade de ter un minuto de gloria no programa que dirixe Alfonso Pato e presenta Luís Pardo.

Nsaio non descansa no seu empeño de contribuír á promoción dos grupos cos que compartimos este proxecto e, despois de levarvos polos escenarios galegos adiante, agora ofrécevos a posibilidade de levar até a televisión a vosa proposta musical. A colaboración entre Nsaio e Banda curta nace co propio programa de televisión, pero agora dá un paso máis xa que serán os propios responsábeis do programa os que elixirán os músicos participantes, despois de mergullarse nos vosos espazos en Nsaio.org.

O único requisito que se impón aos músicos de Nsaio que queiran participar en Banda curta é a gravación dun vídeo que remate coa frase “queremos tocar en Banda curta”. Para que causedes unha boa impresión os vídeos deben ser breves -Un máximo de corenta segundos-, directos e creativos. En resume, o voso vídeo debe facer que lles entredes polo ollo aos compañeiros de Banda curta.

Os medios? Hoxe en día calquera pode gravar un vídeo. Incluso a maioría dos computadores portátiles e teléfonos móbiles teñen cámaras que permiten facer gravacións. Lembrade que, en principio, este vídeo non vos vai representar no programa televisivo senón que é a vosa carta de presentación.

O xeito? Aquí xa dependerá da estratexia publicitaria que queirades adoptar, pero a marxe creativa é total, sendo a barreira dos 40 segundos como máximo a única imposición. Pensade a maneira de facer que os encargados da escolma teñan ganas de saber máis de vós despois de ver este vídeo. Un vídeo dunha canción, explicando a vosa proposta, xogando ao brilé... o que vos pete, pero lembrade rematar a peza coa frase “queremos tocar en Banda curta”.

O resultado? Unha vez rematado o vídeo só tedes que penduralo no voso microespazo da web Nsaio.org e despois mandarnos aviso de que tedes video novo a grupos@nsaio.org. A partir de aí, a xente da TVG acudirá ao voso sitio en Nsaio -procurade telo todo ben recollidiño e aquelado- e mirarán tanto o vídeo como outros contidos que teñades na web. Os grupos elixidos irán publicándose semanalmente na portada.

Cando acaba o prazo?. O mellor deste concurso é que non hai unha data límite para poder participar: mentres estea en antena Banda curta optaredes a saír na tele grazas á vosa capacidade de autopromoción audiovisual.



Compartir Chuza! Menéame Delicious Yahoo Technorati Domelhor