Identifícate aquí ou Rexístrate
NA FINAL CELEBRADA ONTE EN LUGO
O grupo de A Moniña (Ames) terá como premio a gravación dun disco nun dos mellores estudios do Estado español e a sinatura dun contrato cunha discográfica de nivel estatal e mais un contrato de management. O xurado elixiu a Som do Galpom entre os cinco grupos finalistas desta segunda edición, á que se presentaron arredor de 150 conxuntos musicais.
Som do Galpom foi elixido polo xurado coma o grupo gañador da segunda edición de Nsaio no Camiño, un certame organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade en colaboración coa Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e que ten coma obxectivo difundir a cultura musical galega e dar a coñecer a grupos noveis de Galiza. O quinteto de Ames e a súa fusión de rap, reggae e funk convenceron a xurado e público na final de Nsaio no Camiño, celebrada este xoves en Lugo e na que actuaron os cinco conxuntos finalistas neste certame: Maryland, Telémaco, Sinefres, Loba Loo e os propios Som do Galpom.
Os gañadores terán como premio a gravación dun disco nun dos mellores estudios do Estado español e a sinatura dun contrato cunha discográfica de nivel estatal e mais un contrato de management. Os outros conxuntos finalistas, pola súa parte, terán a oportunidade de participar en circuítos de actuacións, concertos e feiras como unha vía de promoción e impulso á creatividade musical galega, obxectivo de Nsaio no Camiño.
Uns 150 conxuntos musicais galegos presentáronse a esta segunda edición de Nsaio no Camiño, un concurso que é nunha nova aposta de Vicepresidencia para fomentar o coñecemento dos músicos galegos, unha iniciativa que vén complementar a Rede Galega de Locais de Ensaio para darlle unha oportunidade ás bandas e aos artistas musicais do país.