Identifícate aquí ou Rexístrate
Como din eles mesmos, Skandalo GZ é unha banda que fai música para xente obreira e que aposta pola defensa da música galega. Veñen de quedar gañadores do premio do público no certame A polo Ghit co seu tema “Licor café” e defenderon con boa nota os galóns na semifinal de rock de Ribadeo.
Coma quen di, Ribadeo foi a primeira vez que a banda de Ponteareas tivo a ocasión de saír da casa: “é a primeira vez que tocamos nun festival así de grande e é impresionante”. En opinión do grupo, “o máis interesante de Nsaio no Camiño é que permite dar concertos a bandas que non teñen a posibilidade de ir actuar a ningún sitio”.
A falta dun sitio onde ensaiar, os ponteareáns decidiron pasar á acción e erguer eles mesmos o seu propio local de ensaio. Non todo o mundo ten a posibilidade de facer coma eles, por iso a Rede Galega de Locais de Ensaio vén encher este baleiro. Sen esquecerse de mencionar a súa “defensa da música galega”, Skandalo GZ tamén tivo boas palabras para as ferramentas que nsaio ofrece na súa páxina web. Subindo cancións á web conséguese “que a xente te escoite, e iso agradecémolo”.
Skandalo GZ animou a espallar música en nsaio.org